Un paso adiante

Bases democráticas para unha nova Galiza.


O pobo galego ten dereito a tomar conta do seu futuro e a se responsabilizar colectivamente na construción dunha Galiza mellor, libre, xusta, próspera e que garanta maiores e mellores cota de benestar para o conxunto de galegas e galegos. Como todos os pobos e nacións, aspiramos a contribuír desde nós ao progreso da humanidade e á conformación dun mundo mellor. E queremos facelo comezando polo propio País e desenvolvendo relacións de colaboración, no ámbito político, económico e social, en pé de igualdade e en beneficio mutuo, con todas as nacións do mundo, a comezar por aquelas coas que partillamos espazos xeográficos e políticos próximos.

Temos dereito, pois así o estabelece o máis elemental sentido da dignidade colectiva dun País que ten tras de si un longo percurso histórico que nos conformou como pobo diferenciado, como nación. Témolo tamén porque así o recoñece o dereito internacional, a Carta fundacional da ONU e pactos e acordos posteriores que deixaron estabelecido que todos os pobos do mundo teñen dereito a exercer a súa autodeterminación e, en consecuencia, a se tornaren nacións libres e soberanas. Mais, para alén de ser un dereito, no caso da Galiza, tomar as rédeas do noso futuro nas nosas mans é unha verdadeira necesidade se quixermos comezar a resolver cuestións materiais e os principais problemas sociais, económicos, lingüísticos ou culturais que a sociedade galega ten hoxe formulados.

En máis de 35 anos de autonomía Galiza non avanzou en termos relativos, isto é, en comparanza cos países da nosa contorna e á hora de encarar os grandes desafíos de futuro que temos como país. Neste período acentuouse o desmantelamento do noso tecido produtivo, até o punto de que a Galiza corre o risco de ficar sen base económica propia; acentuouse tamén o noso devalo demográfico e o avellentamento da poboación, agravado nos últimos anos pola sangría da emigración xuvenil; sumemos o devalo da nosa lingua, da nosa cultura, a destrución do territorio… a propia supervivencia de Galiza como país está ameazada se non invertermos esta tendencia.

A causa fundamental está no marco xurídico e político instaurado desde 1978, que consolidou un exercicio do poder centralista. A Constitución española recoñece un único suxeito de soberanía (o pobo español) negando na práctica a existencia de distintos pobos e nacións. Non é, por tanto, o pobo galego quen decide libremente o marco e en exercicio da súa liberdade decide tamén a forma de relación cos demais pobos. A autonomía foi unha carta outorgada, unha autonomía limitada e tutelada. O deseño institucional impediu o exercicio dun autogoberno real por parte da Galiza, ficando a capacidade política constrinxida a unha mera descentralización administrativa.

Deste modo, as institucións galegas, co rango competencial atribuído no marco actual, non decidiron directamente en asuntos que foron determinantes para o futuro do noso país. Unha ollada retrospectiva sobre os principais fitos políticos e económicos acontecidos ao longo destes anos constatan que a Galiza tivo unha capacidade residual de acordo cos mecanismos estabelecidos no marco político institucional vixente.

A integración na Unión Europea, cos efectos prexudiciais para sectores produtivos do país, a planificación das grandes infraestruturas, a 'reorganización' do mapa financeiro galego, o deseño e aplicación do modelo tributario e de financiamento dos servizos básicos, o mantemento dunha administración territorial decimonónica baseada na división provincial, por citar os máis ilustrativos, confirman que baixo o modelo autonómico a Galiza non puido realmente exercitar opcións políticas e socioeconómicas propias e estivo supeditada sempre á planificación e ao deseño realizado polos sucesivos gobernos centrais, que se caracterizaron por marxinar o noso país.

Mesmo, co pretexto da crise, o sistema político español desenvolveu un proceso para concentrar aínda máis o poder e para dar lexitimidade e apoio legal a todas as iniciativas e medidas impostas dun modo xerárquico e vertical polo Goberno central. A denominada “recentralización” é, ademais, a plasmación da vontade de manter un modelo político ferreamente controlado, que negue calquera aspiración para avanzar democraticamente e permitir que cada nación poida determinar libremente o o marco institucional que máis lle interesar e continúa a reforzar un deseño económico e social centralista contrario aos intereses das maiorías sociais da Galiza.

Mais, para alén da análise socioeconómica, este modelo constitucional e autonómico implicou, por medio dun sistema educativo e cultural dirixido desde as instancias centrais do Estado, a asimilación lingüística e cultural, desprazando os usos sociais da nosa lingua e impedindo o proceso de normalización, relegando a cultura galega e, en xeral, todos os elementos que nos identifican como nación.

Aínda, superar definitivamente o marco xurídico-político español, constitucional e estatutario, é tamén unha exixencia do punto de vista democrático. O sistema actual fica cuestionado polas enormes limitacións evidentes que estabelece no exercicio dos dereitos civís -quer individuais, quer colectivos-, da democracia e das liberdades públicas. Precisamos avanzar para unha sociedade galega cunha democracia real, baseada na participación permanente dos cidadáns e cidadás nas decisións públicas e con dereitos sociais e humanos avanzados. Tamén para garantir democracia precisamos de soberanía.

Hoxe, a superación do modelo político vixente, dimanante da Constitución de 1978, acapara todo o protagonismo. O debate máis determinante no actual escenario político xira arredor da vontade de as nacións exerceren a súa soberanía para determinaren libremente o marco institucional que entenderen máis beneficioso para os seus intereses. Iso implica capacidade de autogoberno real e leva aparellado a toma de decisións propias de forma absolutamente soberana, no noso caso vinculadas exclusivamente aos intereses de Galiza.

E sabemos que o noso País está hoxe confrontado á resolución de grandes problemas e ten por diante enormes desafíos a que debemos dar resposta como país. A crise demográfica, o despoboamento e desequilibrio territorial, o agravamento das desigualdades, a garantía de podermos desenvolver a nosa capacidade produtiva, o dereito ao emprego e a vivenda, a precariedade laboral e a marxinación da mocidade, a igualdade de xénero ou a normalización social da nosa lingua... Para os afrontar, resulta condición imprescindíbel unha acción política de fondo alcance, que actúe na superación do marco político e institucional vixente, non simplemente en reformas superficiais ou parciais que manteñan unha estrutura política e económica que subordina e relega os poderes galegos a seren executores de decisións consumadas.

É pois claro que neste momento só caben dúas opcións: que o noso pobo asista como mero espectador ao que acontece ou ben actuarmos como protagonistas para tomar as rédeas do noso futuro, facermos que a Galiza se constrúa colectivamente desde o propio país sen agardar a que outros decidan por nós.

Non se pode negar lexitimidade ás aspiracións de mudanza e superación do marco político que teña como horizonte construír un país mellor, avanzar na prosperidade para a maioría de galegas e de galegos. Porque precisamente ambos obxectivos só poden atinxirse baixo un novo marco institucional construído sobre os dereitos das nacións e o exercicio da soberanía, para actuar con plena capacidade nos asuntos fulcrais para o noso pobo. Un novo marco que ademais sexa unha panca para o progreso das galegas e galegos, pois non se trata simplemente de aspirar a decidir sobre o noso, senón que o necesitamos porque tamén aspiramos a mellorar realmente as condicións de vida de toda a poboación, a manter con orgullo os nosos sinais de identidade, e porque sabemos que só partindo da plena soberanía e decisión desde a Galiza poderemos avanzar decididamente na mellora do país.

É por isto que o BNG, forza que ten lexitimamente como horizonte estratéxico un Estado Galego soberano, a República da Galiza, apela hoxe ao conxunto da sociedade galega para asumir compartidamente que a nación galega pode e debe exercer os dereitos que colectivamente lle corresponden e, en consecuencia, iniciar xa o camiño para acceder a un novo marco político-institucional que garanta o dereito a decidir sobre o noso e sente as bases para o progreso e benestar do pobo galego. Con este obxectivo presentamos as seguintes

BASES DEMOCRÁTICAS

BASES POLÍTICAS

  1. Galiza é unha nación e, por tanto, ten dereito á autodeterminación, seguindo o estabelecido para todos os pobos na Carta das Nacións Unidas en 1945 e en pactos e acordos posteriores asinados, todos eles, polo Estado español.
  2. Conforme ao principio de autodeterminación nacional, a soberanía política na Galiza corresponde ao pobo galego.
  3. En aplicación do dereito de autodeterminación, a nación galega ten lexitimidade para estabelecer libremente o marco xurídico-político que máis lle interesar, que garanta a plena capacidade de decidir sobre os seus asuntos en función dos intereses do pobo galego e para poder articular políticas de desenvolvemento económico, social e cultural que garantan o progreso e o benestar do conxunto da poboación.
  4. A nación galega estabelecerá relacións de colaboración con todos os pobos do mundo, baseadas no beneficio mutuo. Nese sentido, privilexiará as relacións políticas e económicas en pé de igualdade coas nacións veciñas que conforman a península ibérica. En calquera caso, os marcos de relación que se puideren estabelecer non poderán reducir as facultades de auto-organización e autogoberno da nación galega e garantirán sempre a capacidade da Galiza de decidir de forma libre e soberana.
  5. A lingua propia da Galiza é o galego, que será oficial no noso País. Os poderes públicos garantirán a plena normalización social da nosa lingua, atenderán á súa dimensión internacional e preservarán os dereitos lingüísticos de toda a poboación.
  6. As institución galegas funcionarán baixo os principios dunha democracia participativa avanzada, que garantirá o dereito do pobo á participación nos asuntos públicos para a defensa do interese xeral e ao acceso a cargos e a función públicas, recoñecendo o dereito de sufraxio activo e pasivo para todas as persoas maiores de 16 anos en todos os procesos electorais e consultas populares.
  7. Os poderes públicos galegos estabelecerán os mecanismos oportunos para erradicar as discriminacións e desigualdades de xénero na participación pública, económica, social e cultural, desenvolvendo un marco legal que garanta unha participación e representatividade paritaria. Ficará recoñecido para todas as mulleres e homes o dereito ao goce e o exercicio dos dereitos sexuais e reproductivos, singularmente o dereito das mulleres a decidir libremente sobre o seu propio corpo. Os poderes públicos galegos recoñen o dereito das mulleres a unha vida sen violencia, tanto no ámbito público como no privado, adoptando as medidas necesarias para previr, eliminar e sancionar a violencia de xénero.
  8. O poder galego asumirá plenamente os dereitos e garantías recoñecidas na Declaración Universal dos dereitos humanos, no pacto internacional de deritos civís e políticos, no Pacto internacional de dereitos económicos, sociais e culturais e nos demais instrumentos internacionais en materia de dereitos humanos.
  9. O pobo galego articulará un modelo de democracia participativa, garantindo a participación cidadá nos asuntos públicos, a través da iniciativa lexislativa popular, en todos os ámbitos de actuación dos poderes públicos e estabelecendo a obrigatoriedade de referéndums vinculantes en materias chave para garantir os dereitos humanos e os dereitos sociais e políticos. O pobo poderá promover a convocatoria de referéndums vinculantes se reunir 3% do censo electoral galego así como a revocación de cargos públicos electos que se viren incursos en situacións de corrupción.
  10. O poder público galego despregará relacións internacionais propias en función dos intereses políticos, económicos e comerciais da Galiza. Ficará garantida a capacidade de intervención e decisión última en todas as institucións supranacionais en que a nación galega participe e que traten de asuntos que nos afecten.

  11. BASES ECONÓMICAS E FINANCEIRAS

  12. Galiza terá capacidade plena para implantar unha política fiscal propia, desde a regulación até a recadación de impostos, para o que será creada a Facenda Galega. A política fiscal galega responderá a criterios de xustiza e redistribución social, facendo que pague máis quen máis ten; garantirá que todas as empresas que operan no noso País e todas as persoas que nel teñan veciñanza paguen aquí os tributos que corresponder e permitirá facer uso pleno dos nosos recursos económicos para os colocar ao servizo do pobo galego.
  13. Galiza terá capacidade de decisión plena na base produtiva e económica para implementar unha política de desenvolvemento económico adecuada ás nosas potencialidades e capacidades e que teña como horizonte a creación de emprego e o benestar da sociedade galega. A Administración Galega fará do impulso á cultura, o deporte, a educación e a innovación, factor estratéxico de cohesión e desenvolvemento social e económico.
  14. Os poderes públicos galegos terán plena capacidade normativa sobre o sector financeiro que opera no noso País. Será creada unha Banca Pública Galega para garantir crédito e apoio financeiro ao tecido económico galego, ás pemes e persoas autónomas e ás familias.
  15. O poder galego exercerá o control público dos nosos recursos, dos sectores estratéxicos da economía e da produción de enerxía. Será estabelecido un modelo tarifario que abarate o prezo da electricidade e permita que este ben público reverta no desenvolvemento do país e na eliminación da exclusión enerxética.
  16. O Goberno Galego terá capacidade plena para emitir débeda pública e para estabelecer acordos económicos e comerciais con terceiros países ou con organismos e entidades internacionais.

  17. BASES SOCIAIS E CULTURAIS

  18. Galiza terá plena capacidade para lexislar, organizar e desenvolver o sistema educativo en todos os niveis co obxectivo de alcanzar un ensino galego público de calidade, laico, coeducativo e gratuíto. A lingua vehicular do ensino será o galego, sen menoscabo da capacitación do alumnado noutras linguas ou a súa incorporación complementaria na docencia, particularmente no ámbito universitario.
  19. Galiza terá plena capacidade para exercer a planificación, dirección e xestión da saúde e dos servizos públicos ligados ao benestar, para dar adecuada cobertura ás nosas especificidades e para garantir o seu funcionamento ao servizo do pobo galego, con criterios de universalidade e calidade.
  20. Galiza terá capacidade plena de xestión directa da Seguranza Social e das pensións de xubilación, que serán garantidas polos poderes públicos galegos para todas as persoas con independencia de onde teñan vivido ou traballado ao longo da súa vida.
  21. Galiza terá plena capacidade lexislativa e normativa para estabelecer un marco galego de relacións laborais, co obxectivo de blindar a negociación colectiva e garantir traballo digno e con dereitos para toda a poboación. Recoñécese o dereito a unha renda social básica que permita desfrutar de condicións de vida dignas e participación social plena a toda a poboación galega, sen exclusións de ningún tipo.
  22. Os poderes públicos galegos estabelecerán unha Carta de dereitos sociais avanzados para o conxunto da poboación e desenvolverán medidas e programas para aseguralos na práctica, especialmente para aqueles colectivos que teñen máis dificultades para os veren efectivizados.
  23. A administración pública galega asumirá como prioridade o impulso á cultura nacional galega, desde a divulgación e valorización do conxunto de manifestacións e expresións culturais creadas polo pobo galego ao longo da súa historia, até o apoio á creatividade presente e futura e ás novas producións culturais.
  24. Galiza participará con pleno dereito, en todas as disciplinas, nas competicións deportivas internacionais oficiais.
  25. Os poderes públicos galegos garantirán por lei, e sob control parlamentar, medios de comunicación públicos plurais e democráticos, ao servizo do pobo galego, dunha información veraz e plural, e realmente comprometidos coa normalización da lingua e o fomento e divulgación da cultura galega así como a súa internacionalización.
  26. Galiza exercerá a soberanía sobre o dominio público que constitúe o espazo radioeléctrico e, por tanto, terá plena capacidade para regular e xestionar as licenzas de telecomunicacións de todo tipo.
  27. Os poderes públicos galegos estabelecerán como prioridade política o coidado do medio e do territorio e aplicarán de forma permanente criterios de sustentabilidade social e ambiental.

  28. BASES ADMINISTRATIVAS E XUDICIAIS

  29. Será organizada unha nova Administración Galega, a partir do deseño e articulación dun modelo administrativo propio e adaptado á realidade galega na ordenación territorial e na estrutura administrativa e institucional da Galiza.
  30. Serán eliminadas as provincias e a súa referencialidade como circunscrición electoral e, por tanto, tamén as Deputacións provinciais. O territorio galego será estruturado a partir dos concellos e as comarcas.
  31. O pobo galego terá plena capacidade para articular un poder xudicial propio que será a última instancia xudicial na Galiza, sen menoscabo do recoñecemento, se for o caso, de tribunais internacionais.
  32. Os poderes públicos galegos terán plena capacidade en materia de cidadanía, rexistro civil, notariado e sistema electoral galego.
  33. Galiza terá plena capacidade en materia de lexislación civil, penal, mercantil, laboral e para estabelecer o réxime xurídico de dereitos e liberdades públicas.
  34. A Administración Galega estabelecerá un sistema de financiamento local xusto e equitativo, que responda ás características e necesidade de cada concello e de cada comarca e que garanta a universalidade e a calidade dos servizos dependentes da administración local.
  35. Galiza terá plena capacidade para estabelecer as políticas urbanísticas, de ordenación do territorio e de seguranza viaria, así como a xestión de todas as infraestruturas públicas de transporte: viarias, camiños de ferro, portos e aeroportos. Exercerá a soberanía sobre o seu espazo aéreo e sobre as augas interiores, territoriais e o mar patrimonial (Zona Económica Exclusiva).
  36. Galiza terá plena capacidade en materia de seguranza pública, policía xudicial e fiscal, así como garda de tránsito, para o que será despregado o corpo da Policía Galega.