Un paso adiante | Bases democráticas para unha nova Galiza.

E Galiza, que?


Quen causa os problemas da Galiza?

Perante as circunstancias políticas que vivimos, o pobo galego debe ser consciente da necesidade de se preocupar e de se responsabilizar de si mesmo. Só así teremos futuro e solucionaremos os graves problemas que nos afectan. Contra o que agora andan a pregoar aos catro ventos, os problemas que temos non están causados pola dinámica política de Cataluña, sexa cal for o resultado final do proceso en que o pobo catalán está inmerso. Están causados polo papel dependente que ocupamos no deseño do Estado español, polos gobernos de Madrid, coa connivencia da Xunta. Neste deseño o noso rol é o de fornecer emigrantes, materias primas (especialmente recursos enerxéticos), e capital, coa drenaxe para o exterior dos nosos aforros para beneficio doutros territorios.

Os nosos impostos pagámolos a Madrid. En Madrid -polo chamado “efecto sede”- tributan directamente algunhas das grandes empresas que operan na Galiza. E é o Goberno de España quen decide canto nos devolve -vía orzamentos e transferencias- daquilo que nós pagamos. Nese proceso perdemos por volta de 3.000 millóns de euros cada ano.


Vainos ben en España?

Predícannos que Galiza por ela soa sería incapaz de vivir, que é España quen nos mantén. Están empeñados en crear no pobo galego unha mentalidade de pobo subsidiado, sen capacidade. Queren que vivamos nunha ficción, nunha mentira, para sermos nós propios quen aceptemos como inevitábeis as consecuencias do seu deseño para a Galiza: retroceso demográfico, envellecemento, pouca poboación activa con desemprego elevado, ausencia de agricultura, precariedade, emigración, forestación de terras de labor e presenza abafante do eucalipto, desmantelamento de industrias estratéxicas, desaparición de entidades financeiras propias…



A autonomía é a solución?

O actual presidente da Xunta di que vivimos no mellor dos mundos posíbeis. Porén, recorre sempre á xustificación de non ter competencias para non abordar os problemas do noso pobo, sexan os da pataca, sexan os da AP-9, sexan os do naval, o do pazo de Meirás, os pesqueiros ou a desaparición das Caixas. Logo, hai un verdadeiro goberno, con capacidade de decisión sobre os problemas do país? Non, non o hai.

E aínda enriba colabora de forma entusiasta con todo o que lle manden desde Madrid. Actúa como un alumno avantaxado da submisión, e predica que co actual estatuto de autonomía abonda. Neste marco Galiza non é viábel, os seus problemas seguirán agudizándose e o pobo galego acabará esmorecendo, sen capacidade económica nin política e ficando reducida á condición apenas dunha provincia sen dignidade nin futuro.


Que está a pasar en Catalunya?

O pobo catalán, após esgotar todas as vías legais estatutarias e constitucionais, chegou á conclusión de Catalunya non ser viábel dentro do limitado marco competencial da autonomía, a pesar de o teren aproveitado a fondo. Encontráronse coa evidencia de que non podían aceptar as limitacións impostas polo deseño legal vixente e a súa interpretación aínda enriba restritiva, prepotente e negativa cos dereitos básicos dun pobo. Entre eles, o dereito a ser a súa unha lingua realmente oficial, ou a controlar os ingresos fiscais que se producen no seu territorio para facer fronte aos gastos de servizos públicos básicos e outras competencias que lles foron transferidas…

A única saída, perante tanta negación e limitación prepotente, consistiu en que o pobo fale, que vote se quere ou non independizarse do Estado español e tornarse unha república soberana, a única resposta xenuinamente democrática.


Vive a Galiza do seu propio esforzo ou é realmente un país subsidiado?

Se Catalunya non é viábel dentro deste marco constitucional e estatutario, a Galiza aínda o é moito menos. A única diferenza é que lograron que o pobo galego crese non ter capacidade por si propio pois bombardéasenos constantemente coa idea de que vivimos grazas á caridade de España. Conseguiron que a xente pensase que as cousas de comer non teñen a ver coa soberanía ou capacidade de decidir que teñamos como pobo. Dinnos que xa abonda cunha cativa autonomía, convertida hoxe nunha mera descentralización administrativa.

A realidade é moi diferente. Teñamos a certeza de que vivimos do noso traballo, que o SERGAS, a escola dos nosos nenos e nenas, as prestacións sociais, as pensións de xubilación ou as obras públicas pagámolas nós co resultado do noso propio esforzo, non nolas paga Madrid. Aínda coa situación económica actual, Galiza posúe capacidade fiscal suficiente para se gobernar a si propia e mellorar as condicións de vida e de benestar do conxunto da poboación. Mais impiden que poidamos ter a capacidade de decisión sobre os nosos recursos e mesmo negan un sistema de autonomía financeira real -como ten Euskadi, por exemplo, co Concerto económico-, pois dese modo a mentira de que somos un País subsidiado ficaría ao descuberto. Para eles o importante é manter unha idea de España que para nós como pobo actúe como un estupefaciente e nos faga conformistas e submisos.


Debe o pobo galego responsabilizarse de si mesmo?

Neste contexto os galegos e galegas necesitamos ser conscientes de existirmos como pobo diferenciado con vontade propia, como nación, polo tanto. Que nos urxe tomar cartas nos nosos propios asuntos e responsabilizarnos de nós mesmos, se queremos ter futuro. Que o marco autonómico non vale para enfrontar os problemas que temos sinalado, e menos na versión restritiva con que se interpreta. Que somos un pobo que vive do seu traballo e que ninguén nos regala nada.

Se quixermos mellorar, temos que ter capacidade para decidir por nós mesmos sen interferencias nin submisións. Isto é, temos que ter soberanía. Non podemos estar mudos e inactivos na actual conxuntura, limitándonos a seguir mansamente a consigna que chegue de Madrid. Galiza necesita unha perspectiva propia, unha alternativa de pobo consciente e digno. Este é un momento crucial: actuemos en consecuencia.


Bases Democráticas para unha nova Galiza

É por isto que o BNG apela hoxe ao conxunto da sociedade galega para asumir compartidamente que a nación galega pode e debe exercer os dereitos que colectivamente lle corresponden e, en consecuencia, iniciar xa o camiño para acceder a un novo marco político-institucional que garanta o dereito a decidir de forma soberana sobre o noso e sente as bases para o progreso e benestar do pobo galego. Iso é o que significan as Bases Democráticas para unha nova Galiza que nós defendemos.