Presentación

Bases Democráticas para unha nova Galiza.


Estamos nun momento histórico de especial relevancia política e no que moitas cousas poden mudar se facemos forza como persoas, como pobo. O modelo de Estado, o tipo de sociedade en que queremos vivir, o futuro do noso país e das nosas vidas están hoxe en discusión, a debate.

Nós somos dos e das que pensamos que non hai que ter medo ao cambio. O importante é saber cara onde queremos ir. Cal é o noso horizonte. Por iso nós, neste contexto, queremos presentarche o noso, resumido no documento das BASES DEMOCRÁTICAS PARA UNHA NOVA GALIZA.

1. QUE SON AS BASES DEMOCRÁTICAS?

As Bases Democráticas para unha Nova Galiza son unha proposta do BNG pensada para o contraste e o debate social con todos os axentes políticos, sociais e económicos do país.

A Galiza que queremos é necesario definila colectivamente, desde a suma de ideas e a unidade de vontades para construír un país mellor.

Con elas queremos propoñer á sociedade galega un novo horizonte para o noso país.

Temos que avanzar cara un deseño político e institucional que nos garanta capacidade real para poñer en marcha unha Galiza próspera, xusta e igualitaria, capaz de crear riqueza e emprego e de garantir os servizos públicos e os dereitos sociais.

2. POR QUE AS LANZAMOS AGORA?

Porque agora é o momento.

40 anos despois da Constitución e do Estatuto, o normal é poder facer balance e abrir o debate sobre que modelo de sociedade galega queremos hoxe e que pasos temos que dar para conseguila.

Defender un novo status político para Galiza é unha cuestión de intelixencia e de necesidade, vinculada ao desenvolvemento material do noso país.

Trátase de garantirmos que imos ter capacidade real para poñer en marcha políticas capaces de dar volta á realidade actual e construír unha Galiza mellor.

3. QUE PROPOÑEN AS BASES DEMOCRÁTICAS?

Propoñemos dar un paso adiante como país.

Queremos poñer os recursos do país ao servizo da creación de riqueza e de emprego, poder combater a precariedade e facer que a xente nova que tivo que marcha poida volver da emigración, parar o declive demográfico, poñer en marcha un país que devolva seguridade e confianza ás persoas e lles ofreza oportunidades para saír adiante e desenvolver as súas vidas.

Queremos poder decidir sobre o modelo institucional, sobre o territorial, sobre o modelo económico e social, sobre os dereitos sociais e como deben ser garantidos.

Unha sociedade democrática, avanzada e moderna é unha sociedade que asume que o normal é poder expresarse.

Queremos superar o deseño político actual e gañar plena capacidade de decisión sobre os nosos asuntos.

Canta máis capacidade real teñamos para gobernarnos máis capacidade imos ter para facer avanzar e desenvolver o noso noso país.

Unha Galiza con máis capacidade de decisión é unha Galiza con máis desenvolvemento, riqueza e benestar social.